Pemade

Laboratorio acreditado e ensaios normativos

Somos un laboratorio acreditado por ENAC segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025:2017 para o sector industrial, con Acreditación Nº 1529/LE2806. A nosa actividade céntrase na realización de ensaios mecánicos para a avaliación das propiedades estruturais da madeira.

Realizamos ensaios conforme aos principais documentos normativos aplicables a produtos de madeira estrutural, entre eles:

  • UNE-EN 408 – Madeira serrada e madeira laminada encolada
  • UNE-EN 789 – Taboleiros derivados da madeira
  • UNE-EN 14080 – Madeira laminada encolada
  • UNE-EN 16351 – Madeira contralaminada

Máis información

Instalacións e capacidades de ensaio

Contamos cunha infraestrutura preparada para realizar ensaios de caracterización mecánica en madeira e noutros materiais estruturais. Os nosos equipos permiten traballar con elementos de ata:

  • 10 m de lonxitude
  • 3 m de altura
  • 1,6 m de anchura

Dispomos de catro bastidores de ensaio: tres de 200 kN e un de ata 600 kN. Poden funcionar de maneira individual ou combinada, proporcionando unha grande versatilidade para configurar ensaios de pezas e estruturas de moi diversas xeometrías e dimensións.

Ademais, a nosa infraestrutura permítenos desenvolver ensaios singulares, adaptados ás necesidades específicas de cada proxecto ou cliente, xa sexa por requisitos especiais, configuracións non estandarizadas ou metodoloxías avanzadas.

Análise de materiais con tecnoloxía avanzada

Correlación Dixital de Imaxes (DIC)

A técnica DIC é unha técnica óptica de campo completo que permite a medición de desprazamentos e deformacións. Para a súa aplicación práctica, o laboratorio de PEMADE dispón do equipo de medición óptico 3D sen contacto: ARAMIS – 3D Motion and Deformation Sensor.

ARAMIS axuda a comprender o comportamento de materiais e compoñentes e é capaz de monitorizar ensaios con altas resolucións temporais e locais. Este sistema analiza, calcula e documenta as deformacións do obxecto, os movementos de corpo ríxido e a resposta dinámica dos elementos de medición.

Técnicas Acústicas Non Destrutivas (TND)

Esta metodoloxía permite realizar análises sobre o material sen alterar as súas propiedades físicas, químicas, mecánicas ou dimensionais.

En PEMADE dispomos de diferentes equipos para a aplicación das técnicas de ultrasóns, ondas de impacto e análise de vibracións.

Prototipado e fabricación: do deseño ao ensaio

En PEMADE tamén te acompañamos no desenvolvemento de novos produtos de madeira estrutural. Contamos con equipamento especializado para fabricar:

  • unións dentadas
  • elementos encolados mediante prensa hidráulica
  • probetas e prototipos listos para ensaio

Este equipamento forma parte da subvención EQC2018-004773-P, financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), cofinanciado con Fondos Estruturais da Unión Europea, así como con fondos do Convenio de colaboración asinado entre a USC e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i 2019-2020.