Pemade

TRABE: Dimensionado de estruturas de madeira segundo o Código Técnico da Edificación (CTE)

A ferramenta de cálculo TRABE é unha plataforma dixital desenvolvida pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (PEMADE) para facilitar o cálculo estrutural de elementos de madeira en forxados e cubertas. Concebida como un recurso aberto e gratuíto, TRABE nace coa vocación de converterse nun apoio técnico de referencia para os profesionais que traballan no ámbito da construción e rehabilitación con madeira.

Impulsada co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), a ferramenta está orientada a profesionais da arquitectura e a enxeñaría que desenvolven a súa actividade no sector da edificación. A súa interface sinxela e intuitiva permite realizar cálculos estruturais de forma áxil, mantendo sempre como base a normativa vixente do Código Técnico da Edificación en España e a normativa europea aplicable.

Un dos elementos diferenciais de TRABE é a incorporación de información técnica específica sobre as principais especies de madeira cultivadas en Galicia —Pinus pinaster, Pinus radiata, Pinus sylvestris, Castanea sativa e Eucalyptus globulus— fomentando así o uso de madeira de proximidade e o aproveitamento dos recursos forestais locais. Esta integración facilita aos profesionais a toma de decisións fundamentadas en datos técnicos rigorosos e adaptados ao contexto produtivo galego.

Ademais do cálculo estrutural, a ferramenta proporciona información complementaria relevante para o desenvolvemento de proxectos con criterios de calidade e seguridade, incluíndo aspectos como a influencia da humidade nos produtos de madeira ou o comportamento fronte ao lume. Deste modo, TRABE non só simplifica o proceso de dimensionado, senón que amplía o coñecemento técnico dispoñible en cada fase do proxecto.

TRABE é, sobre todo, unha plataforma en evolución. Desde PEMADE concíbese como un servizo vivo, en constante actualización e ampliación de funcionalidades, co obxectivo de mellorar progresivamente as prestacións ofrecidas e ampliar as posibilidades de cálculo. Esta dinámica de mellora continua permitirá incorporar novas solucións, adaptacións normativas e contidos técnicos, reforzando a súa utilidade para o sector e consolidando o compromiso de PEMADE coa innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da enxeñaría da madeira estrutural.

Visita a web do proyecto