Pemade

Guía de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual

O “Convenio de colaboración para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción”, asinada entre a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), enmárcase dentro do ámbito estratéxico da promoción da construción con madeira, definido na Axenda de Impulso á Industria Forestal da Xunta de Galicia.

O convenio ten como principais obxectivos: o primeiro, poñer en valor as especies forestais de crecemento en Galicia mediante a caracterización estrutural das especies máis representativas do territorio; o segundo, promover a madeira na construción mediante o impulso do produto local e a transferencia da investigación desenvolvida.

A Guía Técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual ten como finalidade divulgar os traballos de calidade realizados en Galicia nos últimos anos, dando a coñecer autores, solucións técnicas novedosas, produtos utilizados e empresas vinculadas ao sector da construción en madeira estrutural que participaron nas obras.

O principal obxectivo desta publicación é dar a coñecer as posibilidades da construción con madeira estrutural e as súas cualidades, especialmente desde un punto de vista técnico; de forma que o seu coñecemento promova unha maior demanda deste tipo de produtos e que, xunto coa competitividade en prezo polo menor transporte e o aumento da concienciación sobre un consumo máis responsable, se axude a xerar a implantación de máis industria local para a fabricación de produtos de madeira técnica con madeira de Galicia.

A publicación mostra vinte e unha obras galegas construídas con madeira nos últimos cinco anos (2017–2022), recoñecidas pola súa calidade arquitectónica, e nas que se utilizou un sistema estrutural de madeira de deseño innovador ou produtos estruturais de madeira innovadores en si mesmos.

XERA xunto con PEMADE realizaron a selección das obras baseándose nos seguintes criterios:

  • Estar situadas en Galicia ou proxectadas por un estudio de arquitectura con sede en Galicia.
  • Ter finalizado a obra entre 2017–2022 (ambos incluídos) ou estar finalizada pero con tramitación de final de obra en curso.
  • Recoñecida a súa calidade arquitectónica ou singularidade estrutural mediante algún premio (premio, accésit, mención ou estar entre os finalistas) ou con alto impacto no sector da madeira estrutural pola I+D+i ou por posuír certificación medioambiental ou estándar pasivo.
  • Utilizar madeira polo menos nunha parte significativa da estrutura, con importante implicación no espazo xerado.
  • Empregar unha técnica estrutural novedosa, un sistema estrutural innovador ou pouco habitual, ou un produto innovador en si mesmo.
  • O material gráfico e os datos de cada proxecto foron facilitados polos arquitectos autores dos mesmos a título gratuíto para a súa inclusión nesta guía técnica.

Referencia completa

Xunta de Galicia, PEMADE. 2022. Guía técnica. Solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual. Axencia Galega da Industria Forestal (Consellería de Economía, Emprego e Industria) en colaboración coa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dep. legal C-2156-2022. 136 pp.

Descargar guía