Pemade

Guía de implantación do Marcado CE en produtos de madeira para a construción

O “Convenio de colaboración para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción”, asinada entre a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), enmárcase dentro do ámbito estratéxico da promoción da construción con madeira, definido na Axenda de Impulso á Industria Forestal da Xunta de Galicia.

O convenio ten como principais obxectivos: o primeiro, poñer en valor as especies forestais de crecemento en Galicia mediante a caracterización estrutural das especies máis representativas do territorio; o segundo, promover a madeira na construción mediante o impulso do produto local e a transferencia da investigación desenvolvida.

A Guía de Marcado CE é un dos resultados deste convenio, e ten como finalidade poñer a disposición dos fabricantes e prescriptores información práctica sobre o proceso de tramitación do marcado CE para os produtos de madeira para construción.

A guía foi elaborada pola Plataforma da Madeira Estrutural (PEMADE) e extrae gran parte do seu contido xeral do REGLAMENTO (UE) Nº 305/2011 do Parlamento Europeo e do Consello de 9 de marzo de 2011, polo que se establecen condicións armonizadas para a comercialización de produtos de construción e se derroga a Directiva 89/106/CEE do Consello.

Para o contido específico de produtos de madeira, a guía apoiase en normas armonizadas e en outros documentos citados na sección de Bibliografía.

Abarca a definición de conceptos xerais e a explicación da tramitación pola vía CEN cando o marcado é obrigatorio e pola vía EOTA cando é voluntario, mencionando en cada caso diversos produtos de madeira para a construción coa correspondente especificación técnica armonizada de aplicación.

Ademais, contén fichas específicas para produtos de madeira con marcado CE obrigatorio, indicando as características esenciais e os Sistemas de Avaliación e Verificación de Prestacións (AVCP) a aplicar.

Referencia completa

Xunta de Galicia, PEMADE. 2020. Guía de Marcado CE. Produtos de madeira para a construción. Axencia Galega da Industria Forestal (Consellería de Economía, Emprego e Industria) en colaboración coa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dep. legal C 1080-2020. 96 pp.

Descargar guía