Pemade

Guía técnica: Castiñeiro verde na construción

O Convenio “Madeira en Valor II”, desenvolvido entre a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), xorde para fomentar o emprego do castiñeiro e a súa contribución na descarbonización do sector da construcción.”

Este convenio ten como obxectivo principal a valorización das especies forestais autóctonas, en particular do castiñeiro, mediante a xeración de coñecemento técnico e a súa transferencia ao sector da construción. Neste contexto, abórdase o estudo do comportamento da madeira de castiñeiro en condicións verdes, atendendo ás súas particularidades e ás súas posibilidades de uso estrutural.

A Guía técnica: Castiñeiro verde na construción constitúe un dos resultados principais deste convenio, e ten como finalidade poñer a disposición de técnicos, prescritores e profesionais do sector información práctica e rigorosa sobre o emprego da madeira de castiñeiro verde en aplicacións estruturais.

A guía foi elaborada pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) e baséase nos resultados obtidos ao longo dunha campaña experimental desenvolvida no laboratorio, que inclúe o estudo do serrado da madeira, a evolución da humidade e das fendas durante o secado, así como a caracterización das propiedades físicas e mecánicas mediante ensaios non destrutivos, destrutivos e probas a longo prazo baixo carga.

Para o desenvolvemento de solucións construtivas, a guía integra tamén os resultados relacionados co deseño de conexións e coa avaliación de sistemas mixtos madeira–formigón, proporcionando criterios técnicos aplicables ao cálculo, deseño e execución deste tipo de elementos.

O documento aborda, deste xeito, tanto os aspectos fundamentais do comportamento da madeira verde como a súa aplicación práctica, facilitando a toma de decisións fundamentadas e promovendo un uso máis seguro, eficiente e sostible do castiñeiro galego na construción.

Referencia completa
Xunta de Galicia, PEMADE. 2026. Guía técnica: Castiñeiro verde na construción. Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) en colaboración coa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).